11/02/2010

COA MOCHILA Ó LOMBO... polo Camiño do Norte




A Asociación cultural medio ambiental “O esquío no Piñeiro” nace como iniciativa dun grupo de xente interesada sobre todo na protección da natureza e na protección e recuperación do patrimonio histórico-cultural de Galicia en tódolos seus ámbitos.

Sendo o 2010 o ano en que se celebra o Xacobeo, é unha ocasión que non se pode deixar pasar para promover entre os veciños do Concello de Brión e arredores o coñecemento de xeito directo da nosa terra, da súa riqueza natural, histórica, artística e cultural.

Con esta idea nace o proxecto “coa mochila ó lombo”, un proxecto que se inicia este ano con idea de continuidade, con idea de ir facendo ano a ano os diferentes camiños que percorren Galicia cara Santiago, camiño do vindeiro Ano Santo no 2021.

O proxecto organízase en torno a tres accións concretas:

1.- PREPARACIÓN E PROMOCIÓN
Nun primeiro momento un grupo de voluntarios da asociación encargaranse da fase preparatoria, facendo o percorrido tanto a pé como en bicicleta de cara a concretar o máis posible a organización e desenvolvemento da actividade así como a valorar as posibles dificultades coas que nos poidamos atopar.

Unha vez organizada a actividade darase paso á fase de promoción e inscrición. A promoción realizarase a través de carteis, trípticos e, contando coa colaboración co Concello, bandos municipais. Asimesmo farase uso das novas tecnoloxías facendo envío da publicidade a través de correo electrónico tanto ós socios como ás persoas que teñan participado en outras actividades, como ás asociacións da comarca.

2.- CAMIÑO DE SANTIAGO: O CAMIÑO DO NORTE
Para a realización deste Camiño daranse dúas opcións, formando dous grupos distintos segundo a modalidade:
- Camiño a pé: farase un grupo de máximo 30 persoas que farán o Camiño a pé en seis xornadas divididas en tres fins de semana. Os desprazamentos ata o punto de partida e desde o punto de chegada faranse en autobús. Asimesmo contarase cunha furgoneta de apoio para utilizar tanto para o transporte de material como en caso de accidente ou imprevistos.
- Camiño en bicicleta: farase un grupo de máximo 20 persoas que farán o Camiño en bicicleta en tres xornadas, concentradas nunha fin de semana. A chegada deste grupo a Santiago farase coincidir ca chegada do grupo que fai o Camiño a pé. Ó igual que no caso anterior, este grupo irá ata o punto de partida en autobús e contará cunha furgoneta de apoio.

3.- CONCURSO DE FOTOGRAFÍA “COA CÁMARA Ó LOMBO”
Co fin de promocionar as novas tecnoloxías e a expresión artística a través da fotografía dixital, promoverase entre os participantes, tanto os que fan o Camiño a pé como os que o fan en bicicleta, un concurso de fotografía en torno ó Camiño do Norte e ós lugares por onde pasa. Rematado o concurso, realizarase unha exposición coas fotografías presentadas.

ESTADE ATENTOS O BLOG XA QUE IREMOS POÑENDO NOVEDADES EN BREVE

0 comentarios:

Publicar un comentario en la entrada