23/02/2011

Plantación de castiñeiros apadriñados por O Esquío


A asociación cultural e ambiental O Esquío no Piñeiro acaba de darlle un toque verde á nova área de lecer que o Concello de Brión está a levantar en Lamiño, xunto ao campo de fútbol. E non o fixo de calquera forma: os seus socios acaban de organizar unha plantación de castiñeiros autóctonos que cada un dos intrépidos silvicultores coidará e apadriñará o resto da súa vida.

Dáse a circunstancia de que moitos dos participantes nesta actividade non plantaran unha árbore na súa vida, aínda que a supervisión dalgúns dos responsables máis dichos de O Esquío no Piñeiro conseguiu que a iniciativa alcanzase o éxito. Tras rematar, os participantes compartiron unha merenda na zona onde referendaron o seu compromiso co medio brionés, xa que seguirán a evolución e crecemento duns castiñeiros aos que consideran xa afillados.

Enlace: Galería de Fotografías

Fonte: El Correo Gallego

0 comentarios:

Publicar un comentario en la entrada