21 dic 2014

Un século en fotos dos veciños de Brión


LA VOZ DE GALICIA |  Domingo 21 de decembro de 2014

O Concello entregará un exemplar da obra a cada familia do concello. Douscentos veciños paseaban pola sala municipal de exposicións de Brión ollando as vinte fotografas que serviron de aperitivo á presentación do libro Brión en fotos: unha memoria visual do século XX, elaborado pola asociación O Esquío no Piñeiro.

E aproveitaban para buscarse nelas e botar a vista atrás lembrando a vida social, deportiva, cultural e cotiá de Brión. Porque estas 20 imaxes son só unha pequena parte das 200 que recolle o libro, seleccionadas de entre o milleiro que achegaron os veciños e que retratan a vida neste concello durante os últimos cen anos.

O proxecto convenceu tanto, que o Concello decidiu facer unha edición especial para entregar un exemplar a todas as familias de Brión. Serán entre 2.500 e 3.000 e repartiranse co próximo número da revista municipal Altamira, que se envía a todos os domicilios. O alcalde, José Luís García, asegurou que do mesmo xeito que a canción de Siniestro Total, o libro axudará a todos a lembrar «quen somos, de onde vimos, a onde imos». O libro, de 122 páxinas, foi deseñado e maquetado por Armando Patiño, con textos de Manuel Xesús Xiráldez e ilustracións de Xosé Vizoso. Colaborou tamén a Dirección Xeral de Voluntariado.

0 comentarios:

Publicar un comentario